Sunday 19 de May de 2024

Neda conmemorará o Día das Letras Galegas con propostas culturais para todos os públicos


O Concello de Neda vén de pechar a súa programación especial con motivo do Día das Letras Galegas, dedicado este ano á escritora, música e docente coruñesa Luísa Villalta, cadrando co vixésimo aniversario do seu prematuro pasamento. A oferta incluirá propostas para o público en xeral e para os máis novos da casa.

Así, ao longo da próxima semana a biblioteca municipal estreará unha mostra bibliográfica destinada a dar a coñecer os fondos bibliográficos existentes sobre Villalta e o resto das contadas autoras ás que homenaxeou dende a instauración dese día a Real Academia Galega. Só seis en 61 anos (Rosalía de Castro, Francisca Herrera Garrido, María Mariño, María Victoria Moreno e Xela Arias e agora Luísa Villalta).

Complementarase ademais con cartelería para descubrir a traxectoria literaria da homenaxeada este ano, unha das figuras que emerxeron na literatura galega da segunda metade dos 80 e primeiros 90, cultivando variedade de xéneros, e destacando por explorar a relación entre poesía e música.
A segunda das propostas chegará o xoves 16 de maio. A partir das 20 horas, proxectarase na Casa da cultura a película documental “O auto das ánimas”. Un filme de Pablo Lago Dantas, que acumula premios, e supón unha “viaxe de reconciliación” cos seus orixes no rural galego.

E por último o sábado 18, a partir das 11.30 horas, haberá un obradoiro de escritura creativa, dan man de Velaísca, a partir de textos da autora. Na proposta, nenos e nenas de entre 6 e 12 anos somerxéranse na obra de Luisa Villalta a través do denominado “lettering”, técnica creativa para darlle cor e forma as letras da escritora.

Deja un comentario